O Concello leva concedidos 289.000 euros en subvencións para a creación de empresas e a mellora dos negocios do Casco histórico.
31 empresas presentaron solicitudes ás subvencións que
concede o Plan Urban, programa que financian a Unión Europea, a Deputación e o
Concello de Lugo, na última convocatoria do ano 2011.
Nesta última convocatoria para as axudas que dá este ano o
Plan Urban presentáronse cinco solicitudes na liña de subvencións que se
conceden para a creación de novas empresas, dez para adquisición de mobiliario
para terrazas de hostalería, catorce para a instalación ou cambio de rótulos e
toldos e outras dúas para o acondicionamento de fachadas.
Na liña de axudas para a creación de novas empresas
recibíronse solicitudes para a instalación dunha zapatería, unha óptica, unha
tenda de téxtil, unha cafetería e un bar de tapas no Mercado de Abastos.
Entre as solicitudes para terrazas de locais de
hostalería figuran os establecementos situados na praza Maior.
O Concello leva concedido, grazas ó Plan Urban, 129 axudas por importe de 289.000
euros para a instalación ou mellora de empresas e negocios no Casco histórico
de Lugo. Entre locais de negocio e establecementos de hostalería distribuíronse
119 axudas por importe de 211.000 euros e outras 10 subvencións cunha cuantía
de 78.000 euros foron para a creación de novas empresas.
O proxecto Urban ofrece axudas para a creación de novas
empresas no Casco histórico de Lugo por unha cuantía máxima de 40.000 euros e
tamén establece achegas adicadas a locais de negocio para a instalación de
terrazas, rótulos, toldos e mellora de fachadas que poden chegar ata 25.000
euros.
A concesión das subvencións nesta última convocatoria de
2011 resolverase nos próximos días.
|